Thursday 16 de May de 2024

Mercedes Rosón aposta por unha Emuvissa cun enfoque urbanístico “global” que se destine á promoción, construción e rehabilitación de vivendaInicio Actualidad Mercedes Rosón aposta por unha Emuvissa cun enfoque urbanístico “global” que se destine á promoción, construción e rehabilitación de vivenda


A edil socialista que marca como prioridade desenvolver os “ocos baleiros” que quedaron na zona urbana da cidade: 44 solos non consolidados nos que se pode edificar nova vivenda

“O noso apoio dependerá do rumbo que o goberno lle queira dar a esta sociedade” advirte

Critica a “espiral de anuncios” do executivo de Sanmartín nas últimas semanas: “parece que cada semana os concelleiros se pelexan por ver quen consegue mellor titular ou mellor foto de portada”

Un enfoque urbanístico global reclama o Grupo Socialista da nova Emuvissa. Unha sociedade pública para impulsar o desenvolvemento urbanístico que xa se acordara recuperar durante o pasado mandato nun pleno no que, recorda Mercedes Rosón, Compostela Aberta e o Partido Popular decidiron absterse. Neste sentido, a edil socialista felicítase porque o bipartito agora “recolla o guante” e lle dea continuidade a esta medida aínda que advirte que o apoio dos socialistas “dependerá do rumbo que o goberno lle queira dar a esta sociedade”.

Un rumbo que desde o Grupo Socialista consideran que debe pasar pola rehabilitación e protección do patrimonio da cidade, si, pero tamén pola promoción e construción de nova vivenda xa que, defenden, “moita xente en Santiago continua demandando nova vivenda, especialmente vivenda pública a prezo razoable para comprar ou alugar”.

Neste sentido Rosón critica a política da Xunta en materia de vivenda, “inexistente” na nosa cidade sen ningunha promoción pública desde o 2009 e con unhas vivendas en construción no Castiñeiriño que “van facer tres anos sen ningún avance”: “é a Xunta a que ten os cartos e as competencias en materia de vivenda e o seu balance na nosa cidade é un cero” denuncia.

A prioridade: desenvolver os máis de 40 solos non consolidados no centro

Mercedes Rosón insiste en que no marco da promoción de nova vivenda, unha das prioridades da sociedade pública debera ser o desenvolvemento dos máis de 40 solos non consolidados que se atopan na contorna da cidade e que se trata de pezas que puideran ser ocupadas para promover vivenda. Trátase de parcelas que durante o desenvolvemento da cidade deixáronse sen urbanizar e que agora, desde a administración, debe impulsarse a súa edificación: “son ocos baleiros que quedaron sen desenvolver e que debemos impulsar tamén para coser a cidade” afirma.

Así, Rosón insiste en que é un erro enfocar “única e exclusivamente” esta sociedade na rehabilitación e protección do patrimonio como parece pretender o executivo de Sanmartín, toda vez que xa o Consorcio e a Oficina de Rehabilitación son dous entes “que se crearon precisamente para iso”: “claro que debemos rehabilitar e protexer o inmenso patrimonio de Compostela, claro que debemos axudar a asentar poboación na cidade histórica pero iso non exclúe que a nova sociedade teña tamén entre os seus obxectivos a promoción de nova vivenda” insiste.

“A sociedade ten que ser capaz de promocionar, construír e rehabilitar toda clase de vivendas así como de redactar plans de ordenación, proxectos de urbanización e de cantos instrumentos que permitan unha actividade urbanizadora da sociedade” explica Rosón, que defende tamén que a actividade da sociedade debe abranguer tamén a xestión, administración e conservación de equipamentos ou dotacións públicas así como a xestión de fondos e subvencións para a promoción e rehabilitación de vivenda.

“O goberno parece estar sumido nunha espiral de anuncios pelexando por ver quen consegue o mellor titular”

A edil socialista cargou ademais pola utilización de esta cuestión por parte do goberno local a quen acusou de estar sumido nunha “espiral de anuncios ou ocorrencias” con unha “competición entre os concelleiros por ver quen consegue o mellor titular sobre unha proposta que supostamente revolucionará a cidade”.

“Con esa espiral o goberno pretende dar unha sensación de dinamismo e grandes logros para Santiago que, en verdade, só queda nunha sensación” critica Rosón que cuestiona a forma de proceder do executivo: “desde xuño nin taxa turística, nin ordenanza das VUTs, nin aparcadoiro do CHUS, nin capitalidade, nin parque de bombeiros, nin Peleteiro e un longo etcétera” que demostra, recalca a edil socialista, que aquí “todo é un falar, non sei se é un falar baixiño ou non”.